Conceden a Pontevedra o Open de España de Taekwondo 2015, que reunirá a elite mundial

29 noviembre 2014 | Por Redacción | Categoria: Artes Marciales, Otros Deportes
XVII Campionato Internacional de Taekwondo Cidade de Pontevedra

XVII Campionato Internacional de Taekwondo Cidade de Pontevedra

A elite mundial do taekwondo reunirase en Pontevedra o próximo ano con motivo do Open de España na competición de maior nivel organizada na cidade de Lérez ata a data.

A Real Federación Española de Taekwondo concedeu a Pontevedra o Open, que se celebrará no Pavillón Municipal dos Deportes os días 10, 11 e 12 de abril, segundo o previsto inicialmente no borrador do calendario feito público polo ente federativo.

A organización tramita agora coa Word Taekwondo Federation a súa catalogación como competición de nivel G1, a maior a nivel internacional, o que provocaría que os mellores especialistas mundiais acudan a beiras do Lérez na busca da clasificación para os próximos Xogos Olímpicos de Río 2016.

Xa se deron os pasos necesarios para que así sexa e non se espera que xurdan problemas ao respecto.

Desta forma Pontevedra será unha das últimas opcións para sumar os puntos necesarios e evitar acudir ao complicado torneo preolímpico. Por iso, salvo lesión, as principais figuras, como os medallistas en Londres Joel González, Nico García ou Brigitte Yagüe, estarán no Open de España.

Para atopar cifras do impacto que se lle supón a este evento só hai que fixarse na última edición, celebrada en Mariña D’Or con 1.500 deportistas inscritos de 52 países a pesar de non contar co certificado de nivel G1, ao que se lle sumaron preto de 400 adestradores e un bo número de acompañantes.

A competición en Pontevedra centrarase na modalidade de combate para deportistas júniors e sénior, sendo estes últimos os únicos que obterán puntos para o ranking mundial.

As negociacións para albergar o Open na capital da provincia remóntanse á concesión ao Mace Sport del Premio Nacional, a cuxa entrega o club pontevedrés acudiu acompañado do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, coa intención de iniciar conversacións co presidente da Federación.

Recuerda si eres entrenador, jugador, directivo de un club o de una federación, o estás relacionado de alguna forma con este maravilloso deporte y te gusta escribir y compartir las novedades y noticias de vuestra actividad deportiva, aquí puedes hacerlo gratuitamente y llegar a toda la comunidad.
deportebalear@gmail.com